E-1 Dependencia enerxética

A dependencia enerxética pode definirse como a cantidade de enerxía primaria que un país necesita importar para poder abastecerse, xa sexa en forma de calor, electricidade ou para o transporte. Por tanto, falamos da dependencia do exterior que ten un país para poder obter toda a enerxía que este consome. No caso de que se exporte enerxía (como é o caso de Galicia), considérase o neto (importado-exportado) xa que a enerxía que exporta non é consumida e non é necesaria para abastecerse.

O Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2021-2030) estima que, en España, as actuacións en materia de renovables e eficiencia diminuirán o grao de dependencia enerxética do exterior do 73% en 2017 ao 61% en 2030, o que ademais de mellorar a seguridade enerxética nacional terá un impacto moi favorable sobre a balanza comercial.

Un dos obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia 2030 é diminuír a dependencia enerxética do exterior. Canto mais enerxías renovables se consuman, menos enerxía importará Galicia e menor será a dependencia enerxética.

Na seguinte gráfica pódese observar a evolución da dependencia enerxética en Galicia. Os anos de baixa pluviosidade, como o 2022, diminúe a enerxía hidráulica e, ao dispoñer de menos enerxías renovables, increméntase a dependencia enerxética.

Evolución da dependencia enerxética en Galicia 

E-1 Dependencia enerxética1

Fonte: Elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) a partir de distintas fontes

Valoracións Finais

Indicador

E-1 Dependencia enerxética

Obxectivo

O Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2021-2030) marca como obxectivo para o ano 2030 que a dependencia enerxética non supere o 61%.

Tendencia

En Galicia, a dependencia enerxética mantense mais o menos estable, pero nos últimos anos baixa, dende o 79,6% do ano 2017 ata o 61,0% do ano 2020 (debido á baixa actividade industrial pola pandemia de Covid19) e ata o 66,4% no ano 2022.

Mostrar Ficha

E-1 - Dependencia enerxética

Definición

Evolución da porcentaxe de dependencia enerxética primaria ou cantidade de enerxía primaria que un país necesita importar para poder abastecerse, xa sexa en forma de calor, electricidade ou para o transporte.

Área temática / Tema / Sector

Sector enerxético. Refinería, plantas regasificadoras de gas, importacións de cru, produtos petrolíferos, carbón e gas natural. Importación de biocombustibles, xeración das centrais hidráulicas, eólicas e paneis solares. Centrais e caldeiras alimentadas con biomasa, biogás e residuos renovables e non renovables, outras renovables para uso térmico.

Relevancia ambiental

Canta mais enerxía renovable se consuma e maior sexa a eficiencia enerxética, menos enerxía importará Galicia doutros combustibles máis contaminantes e menor será a dependencia enerxética, o que ademais de mellorar a seguridade enerxética terá un impacto moi favorable sobre a balanza comercial.

Periodicidade

Anual

Series temporais

2005-2022

Estándares, normas ou directrices para o cálculo do indicador

Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2021-2030).

Metodoloxía para o cálculo do indicador

Dependencia enerxética (%) = 100*(Enerxía importada - Enerxía exportada) / (Eprimaria galega + Enerxía importada - Enerxía exportada).

Unidade de medida

Porcentaxe

Mostra as tendencias no tempo

Obxectivos/limiares/valores de referencia ambientais

O Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2021-2030) marca como obxectivo para o ano 2030 que a dependencia enerxética non supere o 61%.

Claves para a interpretación

Canto menor sexa o indicador, maior será a enerxía primaria consumida procedente de fontes renovables.

Tipoloxía

Indicador de estado.

Data de actualización dos datos

Setembro 2024

Observacións

Fontes de enerxía primarias: as que se obteñen directamente da natureza ou ben despois dun proceso de extracción e, polo tanto, deben ser transformadas para seren susceptibles de utilización e consumo.

Tonelada equivalente de petróleo (tep): unidade de enerxía. Defínese como a enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo. Convencionalmente, 1 tep equivale a 11.628 kWh.