Diario Oficial de Galicia, 16-11-2005, Núm. 220, Páx. 18341
Resolución do 3 de outubro de 2005, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, do 19 de xullo de 2005, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e relativa ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Actuación industrial en Ribadeo, no concello de Ribadeo (Lugo). (Clave: 2005/0005).
En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 19 de xullo de 2005, pola que se formula a declaración de impacto ambiental relativa ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Actuación industrial en Ribadeo, no concello de Ribadeo (Lugo), promovido polo Concello de Ribadeo e pola Entidade Pública Empresarial do Solo (Sepes), clave: 2005/0005, que deseguido se transcribe xunto cos seus dous anexos.
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2005.
Ramón Saúl Lueje Espina
Director xeral de Urbanismo
Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 19 de xullo de 2005, relativa ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Actuación industrial en Ribadeo, no concello de Ribadeo (Lugo), promovido polo Concello de Ribadeo e pola Entidade Pública Empresarial do Solo (SEPES). Clave: 2005/0005.
Antecedentes.
O Consello da Xunta de Galicia, o 29 de xullo de 2004, acordou declarar a actuación urbanística obxecto desta declaración como de incidencia supramunicipal. Tendo en conta o indicado no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, dentro do procedemento de aprobación substantiva que leva a cabo a Dirección Xeral de Urbanismo, o 20 de xaneiro de 2005, de acordo co artigo 10 do antedito decreto, cualificouse o proxecto como sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
O proxecto sectorial obxecto desta declaración de impacto ambiental ten como obxecto regular a implantación territorial dun parque empresarial en Ribadeo (Lugo), cunha superficie de actuación dunhas 18,4 ha. No anexo I resúmese o contido da actuación e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo ambiental.
En cumprimento do establecido regulamentariamente, o 1 de febreiro de 2005 publícase no DOG (nº 21) o anuncio do 26 de xaneiro de 2005, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da Actuación industrial en Ribadeo. Durante este período non se ten constancia da presentación de alegacións.
Con data 3 de maio de 2005 tivo entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Urbanismo, no cal se inclúen os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de Augas de Galicia, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e do Concello de Ribadeo.
Con data 15 de xuño de 2005 tivo entrada nesta dirección xeral o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 106/2004, do 27 de maio, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial da Actuación industrial en Ribadeo (Lugo), promovido polo Concello de Ribadeo e a Entidade Pública Empresarial do Solo.
Declaración de impacto ambiental.
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta dirección xeral considera que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando a documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras ante de contar cunha comunicación desta dirección xeral.
A) Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese exclusivamente ás actuacións recollidas no documento titulado Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal Actuación industrial en Ribadeo. Ribadeo (Lugo). Decembro 2004.
Tendo en conta o ámbito desta DIA o condicionado que segue vinculará a construción e o funcionamento das instalacións ou empresas que no futuro se desenvolvan na zona industrial.
B) Condicións xerais.
B.1. Fase de redacción do proxecto de urbanización
1. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etcétera), primando o uso da superficie do ámbito do parque fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.
Así mesmo, definiranse para as anteditas zonas un sistema de recollida, condución e sedimentación da auga procedente da zona de obra, evitando que se produza a vertedura destas augas cara ás correntes de auga sen tratamento previo. Así mesmo, nas zonas destinadas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.
2. Determinaranse as medidas correctoras que se van adoptar para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etcétera).
3. O deseño do sistema de luz pública realizarase de xeito que se minimice a contaminación lumínica mediante o emprego de lámpadas de baixa intensidade dirixidas ao chan e se prime o aforro enerxético.
4. Nas zonas verdes públicas ou comúns de uso público proxectaranse sistemas de rega que, ademais de cumpriren a súa función de forma axeitada, sexan, na medida do posible, de baixo consumo hídrico.
5. Desenvolverase o programa de vixilancia ambiental proposto no estudo ambiental, coas modificacións xurdidas ao redactar o proxecto de urbanización, así como as derivadas do cumprimento desta DIA. Este programa levarase a cabo co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas no estudo ambiental e no condicionado desta declaración, incorporando procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa deberá permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Na redacción deste programa fixaranse, segundo a fase (obras ou explotación) a periodicidade, indicadores e limiares (admisibles e de alerta) que se vaian utilizar en cada caso.
Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:
- Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, designarase un/s responsable/s dela.
- As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.
- A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas.
- Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras así como a periodicidade dos controis poderán ser revisados de acordo cos resultados obtidos.
B.2. Fase de replanteo.
Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e de todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizado e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirados cando estas finalicen.
B.3. Fase de obras e explotación.
1. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o estipulado, no caso de que dispoña dela, na ordenanza municipal do Concello de Ribadeo.
2. A maquinaria empregada no proceso construtivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ao respecto.
3. Co fin de evitar posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera, ademais de adoptar as medidas indicadas no estudo de impacto ambiental procederase ao lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.
4. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.
5. Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións.
6. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra, e, se é tecnicamente posible, os cepos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.
7. Sinalizarase a zona de obras e, no caso de que sexa necesario facer uso de vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.
8. No que respecta á xestión de residuos terase en conta o seguinte:
- Adoptaranse as medidas técnicas e economicamente viables para reducir a cantidade de residuos xerados.
- Todos os residuos que se xeren nas obras ou na explotación do parque industrial deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
- Adoptaranse as medidas correctoras oportunas co obxecto de que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de hixiene, seguridade e segregación, garantindo en todo caso que se impida calquera afección ao ambiente. En relación con este aspecto, e no que respecta aos residuos perigosos, cumpriranse as normas técnicas vixentes relativas ao envasado, etiquetaxe e almacenamento establecidas no Real decreto 833/1988 e no Real decreto 952/1997, do 20 de xuño.
- Os traslados dos residuos perigosos realizaranse do xeito indicado no Real decreto 833/1988 e/ou no Decreto 221/2003, do 27 de marzo, polo que se establece un réxime simplificado no control dos traslados de residuos perigosos producidos por pequenos produtores de residuos.
- Os residuos urbanos ou asimilables a urbanos entregaránselle ao concello ou empresa adxudicataria da xestión de residuos municipais nas condicións fixadas nas correspondentes ordenanzas. No caso de que a entidade local xustificadamente obrigue á xestión dalgún tipo de residuo desta natureza á empresa, esta xestionaraos a través dos xestores autorizados de residuos sólidos urbanos.
- Lémbrase que no que respecta á xestión de residuos nesta comunidade autónoma, no Diario Oficial de Galicia do 29 de xuño de 2005, se publicou o novo Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.
- Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que se está levando a cabo nesta dirección xeral, valorarase a posibilidade de empregar materiais procedentes de plantas de reciclaxe de residuos da construción e demolición (para bases o subbases das vías, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, etcétera).
9. Nos labores de mantemento de foxos e sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente por medios mecánicos.
10. Previamente á implantación de calquera instalación ou empresa no parque comprobarase que, ademais de cumprir coas especificacións urbanísticas, dispón dos medios necesarios para o cumprimento do indicado nas ordenanzas do parque indicadas no proxecto sectorial no referente ás emisións á atmosfera, verteduras, ruídos e condicións estéticas, co fin de que estas non ocasionen afeccións ao medio. Ademais, exixiráselles que adopten medidas para favorecer o aforro enerxético. O antedito será independentemente do trámite ambiental ao que deban someterse, se é o caso.
11. No caso de abandono dalgunha das instalacións que se van implantar no parque procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos estes elementos a un xestor autorizado para unha correcta eliminación.
12. Poranse en coñecemento de todo o persoal de obra e dos usuarios do parque as medidas de carácter ambiental que deberán ser adoptadas e/ou respectadas.
13. No caso de que as actividades que se vaian instar no parque empresarial se atopen no anexo I do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do solo e os criterios e estándares para a declaracion de solos contaminados, os titulares deberán cumprir cos requisitos desta norma.
14. Se durante o programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos, imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
C) Condicións específicas.
C.1. Fase de redacción do proxecto de urbanización
1. Incorporaranse as medidas indicadas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e elaboraranse os documentos solicitados neste informe co fin de que esa dirección xeral emita as correspondentes autorizacións.
En calquera caso, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural aplicarase o disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
2. Reservarase unha zona, cunha superficie mínima de 2.500 m, para a instalación dun punto limpo industrial ou centro verde que dea servizo ao parque empresarial. Neste lugar realizarase a recollida selectiva e a xestión dos residuos especiais producidos nas industrias instaladas neste parque.
3. No que respecta á implantación dos diferentes servizos á zona industrial que pola súas características poidan ser obxecto do seu propio trámite ambiental, deberá ser levado a cabo previamente á súa execución.
4. No que respecta aos condutos da rede de pluviais da rede de saneamento de residuais, exteriores á zona industrial, procurarase sempre que sexa posible que discorran por vías ou camiños existentes, co fin de minimizar a afección a zonas non antropizadas.
5. No que respecta á nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) que se instalará, esta deberá dispor das medidas necesarias que eviten a xeración ou, se é o caso, minimicen a produción de malos cheiros.
6. Definirase claramente a obra de cruzamente da rede de pluviais e de saneamento polo rego Vilasesán, así como a obra para a construción da EDAR na súa beira, determinando medidas protectoras e correctoras específicas para evitar afeccións á calidade da auga e preservar e potenciar, na medida do posible, as características ecolóxicas propias deste curso de auga e a súa ribeira.
7. No que respecta á vertedura directa da rede de pluviais ao rego Vilasesán, cómpre implantar previamente a esta vertedura un sistema de decantación debido á cantidade de materiais en suspensión e sólidos grosos que pode arrastrar. O antedito debería aplicarse polo menos ás primeiras augas de lavado de cada episodio de chuvias procedentes do parque.
8. No deseño das voaduras así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxeccións de materiais grosos.
9. Seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito de sobrantes dos movementos de terras, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte ao doutras zonas. O antedito levarase a cabo sempre que sexa técnica e economicamente viable e os ocos non se atopen naturalizados e integrados no contorno.
Así mesmo, incluirase na definición dos labores de integración paisaxística indicados no punto C.1. 11 desta DIA os correspondentes á restauración destes depósitos de sobrantes, tendo en conta que o material vertido se remodelará de maneira que se adapte á topografía existente no contorno e se procederá á revexetación con especies autóctonas da zona, procurando acadar a naturalidade e evitando formas artificiais.
10. Co fin de minimizar o impacto visual dos usuarios das estradas e camiños estremeiros levarase a cabo unha plantación de especies arbóreas de folla perenne nos lindes da actuación industrial con estas vías. Estas árbores disporanse de xeito irregular evitando a linealidade pero de maneira que cumpran a súa función.
11. Detallaranse os labores de integración paisaxística baseándose nas medidas descritas dun xeito xeral no estudo ambiental, definindo con detalle os traballos que hai que efectuar segundo sexa a zona que se vai revexetar (noiros de desmonte e terraplén, zonas verdes, depósitos de sobrantes, instalacións e vieiros auxiliares, etcétera), así como os materiais que se utilizarán nestes traballos.
Sempre que sexa técnica e economicamente posible, empregaranse especies herbáceas, arbustivas e arbóreas habituais da zona, co obxecto de garantir a súa viabilidade e reducir posteriores labores de mantemento.
Terase en conta na redacción deste proxecto que os acabamentos finais das actuacións deberán realizarse co deseño e materiais que integren as devanditas obras no contorno.
12. Ademais do indicado no punto B.1.5, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente durante a fase de obras o seguinte:
- Plan de control trimestral da calidade de auga do rego Vilasesán (durante a execución do cruzamento das redes de pluviais e saneamento durante a construción da EDAR) tomando mostras augas arriba e augas abaixo da zona afectada. Os parámetros que hai que medir serán: pH, sólidos en suspensión, materias sedimentables, condutividade, temperatura, oxíxeno disolto e aceites e graxas.
- Plan de control trimestral do nivel de ruído no contorno da área afectada, na zona suroeste mentres non comecen as obras da autovía A-8 e para os outros tres lindes durante todo o tempo que duren as obras. Para a elección dos puntos de medición teranse en conta as vivendas existentes ou edificacións habitadas máis próximas ao ámbito do parque. No primeiro informe trimestral incluiranse medicións preoperacionais da presión sonora. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.
C.3. Fase de obras.
1. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de percolación, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.
2. Previamente ao depósito dos sobrantes dos movementos de terra, se é o caso, nos lugares seleccionados de acordo co indicado no punto C.1.9 da DIA, deberá contarse cos correspondentes permisos.
3. Desenvolveranse os traballos de integración paisaxística definidos no proxecto ao que se fai referencia no punto C.1.11 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.
4. O promotor do proxecto responsabilizarase de que se execute o programa de vixilancia ambiental desenvolvido no proxecto de urbanización segundo o indicado nos puntos B.1.5 e C.1.12 desta DIA para esta fase e deberá elaborar os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:
a) Trimestralmente:
- Cronograma actualizado das obras.
- Memoria do seguimento realizado de acordo co novo programa de vixilancia ambiental, redactado para darlles cumprimento aos condicionantes da presente DIA e na que se indicarán, se é o caso, as variacións producidas respecto do proxectado.
- Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización. No primeiro informe trimestral incluiranse a análise de referencia para o control da calidade das augas continentais e dos ruídos.
- Representación en plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto do total, referido aos distintos elementos que as conforman.
b) Antes da emisión da acta de recepción:
- Memoria resumo sobre o seguimento ambiental realizado, no que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.
- Informe, se é o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.
- Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.
- Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.
C.4. Fase de explotación.
1. Unha vez rematadas as obras, existirán parcelas que quedarán desprotexidas e expostas ás inclemencias do tempo ata a instalación das correspondentes naves empresariais, polo que se tomarán as pertinentes medidas para evitar esta afección, mediante a revexetación canto antes destas superficies núas ou recollendo os escorrementos en balsas de decantación temporais, que se xestionarán e controlarán para o seu correcto funcionamento.
2. O sistema de tratamento por decantación das augas pluviais previamente á vertedura ao medio debe presentar unha cadencia que manteña a súa funcionalidade en condicións óptimas, polo que a recollida dos lodos debe ser periódica. Así mesmo, estes lodos serán entregados a un xestor autorizado para a súa correcta eliminación.
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2005.
José Manuel Álvarez-Campana Gallo.
Director xeral de Calidade Avaliación Ambiental.
ANEXO I - Resumo da actuación descrita na documentación avaliada
O obxecto do proxecto sectorial da actuación industrial en Ribadeo é a creación dunha zona industrial nunha superficie dunhas 18,4 ha localizada na parroquia de Piñeira, no concello de Ribadeo. O ámbito queda definido por:
- Noroeste: camiño público próximo ao matadoiro municipal.
- Sureste: camiño público ao que saen predios agrícolas do lugar denominado Campoxurado.
- Sudoeste: liña FEVE Ferrol-Xixón e liña de expropiación da autovía A-8.
- Noroeste: camiño público, acceso desde a N-634 a Piñeira (San Xoán).
Os 183.961 m que conforman a actuación industrial en Ribadeo organízanse nas seguintes zonas:
- Parcelas parque empresarial: 11.855 m.
- Equipamentos públicos: 3.992 m.
- Zonas verdes computables: 20.097 m.
- Zonas verdes non computables: 4.780 m.
- Sistema viario interior e aparcadoiros: 33.541 m.
- Solo rústico e protección de infraestruturas: 3.318 m.
Así mesmo, descríbense os servizos dos que se dotara o parque (saneamento de residuais e pluviais, abastecemento de auga potable, electricidade, telefonía, etcétera). En concreto, o abastecemento realizarase cun entrocamento á rede municipal, mentres que para o saneamento das augas do parque, se suxire a vertedura ao rego de Vilasesán desde un colector, e no que respecta ás residuais conduciranse ata unha estación depuradora de augas residuais (localizada fóra do ámbito) que verterá no antedito rego.
A vexetación existente na superficie que se vai urbanizar está conformada principalmente por pradarías, aparecendo tamén matogueiras e algúns bidueiros, abeleiras ou loureiros. A área de actuación atópase flanqueda polos regos Vilasesán e do Tacos, pero ningún dentro do ámbito, xa que se localizan a máis de 300 e 500 m, respectivamente, do perímetro do parque.
ANEXO II - Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental
Medidas protectoras
Protección da atmosfera:
- Regas periódicas nas épocas de baixa pluviometría con camións cuba na zona de traballo e sobre os amoreamentos de materiais, evitando así que o vento levante po e area.
- Prohíbese a queima de monte baixo, leña, aceites, plásticos, etcétera e calquera tipo de fogueira non autorizada pola dirección de obra.
- As superficies onde se produzan acumulacións de terra recubriranse cun toldo impermeable debidamente suxeito e estarán debidamente ancoradas ao solo para evitar o seu desprendemento.
- Os camións que transporten terra recubriranse cun toldo impermeable debidamente suxeito durante todo o seu percorrido.
- Utilizarase maquinaria de construción axeitada e supervisarase o seu correcto mantemento e posta a punto co fin de que se cumpra a normativa de emisións que resulte de aplicación debendo dispor da documentación acreditativa ao respecto.
Minimización da contaminación acústica:
- Estableceranse límites de horarios evitando a realización de obras ou movementos de maquinaria fóra do período diúrno.
- Correcto mantemento da maquinaria, tamén se instalarán dispositivos antivibratorios.
Control de riscos xeolóxicos
- Deseñaranse axeitadamente os noiros para evitar riscos de esvaramento destes mediante pendentes tendidas ou construción de socalcos.
- Disporanse os oportunos elementos de desaugamento que minimizarán o escorregamento irregular sobre os noiros xerados.
- Co fin de evitar a perda de puntos de interese xeolóxico é preciso ter especial coidado durante a fase de obras cos movementos e tránsito de maquinaria pesada, cos movementos de terras e coa elección das zonas de acumulación e extracción de materiais.
Protección e conservación dos solos
- Delimitarase o terreo afectado polas obras, previamente ao seu comezo, de xeito que minimicen a afección ao proxecto sobre o terreo e restrinxirase o movemento de maquinaria ás zonas destinadas para tal efecto.
- Delimitarase un espazo destinado á acollida das instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etcétera). Deberá localizarse en espazos que carezan de valores ambientais relevantes.
- Os labores de mantemento de maquinaria de obra non apta para circular por estrada relizarase dentro da zona habilitada, dispoñendo dos medios necesarios para evitar calquera afección ao solo por derramos accidentais. No caso da maquinaria apta para circular por estrada, o mantemento realizarase en talleres autorizados.
- Co obxecto de minimizar a ocupación de solo de xeito irreversible realizarase un movemento de terras selectivo, no que en primeiro lugar e tras os procesos de roza e retirada da cuberta vexetal xuntaranse as capas fértiles do solo.
- Os residuos xerados durante a execución das obras xestionaranse conforme a lexislación vixente, primando a súa reutilización e reciclaxe fronte á vertedura. Os sobrantes de terra depositaranse en vertedoiro autorizado.
- No caso de realizar almacenamento temporal de residuos mentres non sexan recollidos por xestor autorizado, localizaranse dentro da zona de obras en superficies delimitadas e sinalizadas nos cales se disporán contedores ou outros medios necesarios para evitar posibles afeccións ao solo.
Protección da calidade das augas.
- Prohíbense as verteduras de calquera tipo de material ou substancia ás augas superficiais, extremándose as precaucións en talleres e zonas de almacenamento de produtos perigosos (lubricantes, combustibles, etcétera).
- Prohíbese a utilización de marxes, ribeiras (entendendo como tales a banda de 20 m de largo en ambas as marxes ao longo do leito) e zonas de servidume ou policía como lugar para depósito de materiais, parques de maquinaria e, en xeral, todas aquelas actividades que supoñan un risco de contaminación das augas ou alteracións dos ecosistemas asociados.
- No que respecta ás augas subterráneas tomaranse as seguintes precaucións:
As intalacións de obra situaranse preferentemente nas áreas impermeables.
Previamente ao proxecto de urbanización levarase a cabo un estudo xeotécnico no cal se determine o nivel freático e así tomar as medidas oportunas ao respecto, tamén se recolle unha minimización das escavacións para os efectos de reducir os riscos de posibles afeccións ao nivel freático.
Protección das formacións vexetais
- Trasladaranse ao viveiro ou trasplantaranse noutros puntos próximos aqueles exemplares de maior entidade.
- Respectarase toda a vexetación existente que non estea afectada directamente pola obra. No replanteo marcaranse de maneira clara e distinta as árbores que hai que protexer e as que se eliminarán.
- A eliminación da vexetación será sempre por sistemas de roza.
- Elaborarase un calendario de sinalización, execución e retirada das proteccións e sinalizacións.
Protección da fauna.
- Planificaranse os calendarios prestando especial interese aos períodos de reprodución e cría das especies faunísticas presentes á hora de programar as voaduras.
Protección da paisaxe.
- A composición das edificacións será libre e os bloques representativos situaranse coa fachada principal orientada á vía de acceso á parcela. Nas parcelas en esquina o bloque representativo poderá ter a súa fachada principal orientada a unha das vías de acceso ou a ambas.
- Extremarase o coidado estético das fachadas que dan fronte ás estradas que bordean o polígono industrial, así como as súas vías.
- Os paramentos das naves coincidentes cos límites do polígono industrial ou con zonas destinadas a equipamentos, a espazos libres e verdes, así como áreas de aparcadoiro tratados como fachadas.
- Prohíbese o emprego de materiais de deficiente conservación, así como a utilización nos paramentos exteriores de pinturas facilmente alterables polos axentes atmosféricos ou de combinacións agresivas de cor.
- Nas cubertas das edificacións prohíbese o uso de fibrocemento na súa cor natural cando poida ser visto.
- As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias deberán ofrecer un nivel de rematado digno. Estas construcións e instalacións deberán tratarse con similares niveis de rematado que a edificación principal.
- Prohíbese utilizar os espazos libres privados para depósito de materiais, refugallo, así como para calquera utilización que poida danar a estética do polígono industrial.
- Os peches das parcelas estarán formados por un zócolo macizo e continuo de 1 m de altura máxima. Por riba deste zócolo poderá utilizarse reixa metálica ou materiais translúcidos esteticamente admisibles ata unha altura máxima de 2 m.
Protección do medio territorial.
- Sinalización dos itinerarios alternativos ata o fin da obra cando se reporá a vía orixinal.
- Co obxecto de minimizar o efecto xerado polo movemento de terras, tránsito de maquinaria, etcétera, regaranse a regar as vías de rodadura, especialmente nas zonas próximas ás áreas cultivadas e ás vivendas habitadas.
- Sinalizarase a obra e regularase o tráfico.
Medidas correctoras.
Conservación do solo.
- Retirada e almacenamento axeitado da terra vexetal útil para o seu uso na restauración.
- Drenaxe das augas subterráneas.
- Rede separativa de sumidoiros.
- Captación de auga de escorregamento de vías e demais zonas pavimentadas.
Sobre as augas superficiais e subterráneas.
- As augas residuais serán conducidas á depuradora para uso exclusivo das verteduras deste polígono.
- Cumpriranse as disposicións da normativa vixente aplicable para que a vertedura, condución, tratamento e control das augas residuais estean controlados e garantida en todo momento a saúde humana.
Restauración vexetal e integración paisaxística.
- Creación de zonas verdes utilizando na medida do posible un axardinamento baseado en especies vexetais que se dean naturalmente no contorno, evitando a introdución de especies exóticas.
- Execución de zonas peonís e sendeiros para protexer a zona verde.
- Instalación dun valado perimetral durante as obras para evitar ocasionar impactos visuais negativos.
- Limpeza inmediata de residuos e eliminación total de entullos.
- Durante o funcionamento realizarase o mantemento das vías, xardíns e espazos públicos, así mesmo instalaranse contedores e papeleiras necesarias para a recepción de diversos residuos, xestionándoos segundo a lexislación vixente.
Sobre a fauna.
- Durante as obras disporanse valados e peches no perímetro da obra co fin de evitar os atropelos e que os animais entren na obra.
- Durante o funcionamento controlarase que non aparezan vertedoiros incontrolados para evitar a proliferación de roedores e raposos.
Sobre o medio socioeconómico.
- Unha vez finalizadas as obras procederase á reposición de todas as infraestruturas e camiños afectados.
- Durante o funcionamento establecerase unha política axeitada de fomento do emprego local.
- Aseguraranse as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
Outras medidas:
- Estableceranse nas ordenanzas do proxecto sectorial limitacións relativas a:
Emisións á atmosfera.
Verteduras de augas residuais.
Ruídos.
Condicións estéticas.
- Na fase de funcionamento:
Verificaranse nas licenzas de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas as limitacións de ordenanzas e normativa.
Tramitaranse os estudos de impacto, efectos ou incidencia ambiental relativos a futuras industrias que se instalen e así o requiran.
Regularanse os usos e horarios de actividades.
Data norma
Organismo
CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Ámbito Normativo
Autonómica
Rango legal
Resolución
Clasificación
AVALIACIÓN DE IMPACTO, EFECTO, INCIDENCIA AMBIENTAL